


Unha páxina sen maquetar... un telexornal sen imaxes... un locutor afónico... un gabinete incomunicado...
Se sabedes de cabo a rabo as alineacións de tódolos equipos de fútbol galego e españois (e dos que se poidan enfrontar a nós alén do mundo), se amades a camiseta da nova selección galega, se coñecéde-lo nome de tódolos entrenadores que tiveron Celta e Dépor na súa historia e ademáis, por riba, sabedes algo doutros deportes... ¡a Radio Galega quérete! E se non, pois é posible que tamén.
O Sindicato Labrego Galego busca un xornalista para o seu gabinete de prensa en Santiago de Compostela. Os que esteades interesados tedes que envia-lo voso currículum vía e-mail antes do 15 de decembro. O traballo inclúe "tanto relacións cos medios de comunicación, como outros estrictamente xornalísticos (coordinación e execución do periódico sindical, mantemento da páxina web, etcétera)". Valorarase positivamente a "experiencia práctica en tarefas de deseño gráfico e coñecementos sobre a realidade agraria e rural de Galiza".
¡Comezamos coa publicación das fotografías da orla escaneadas! Espero que ninguén teña inconveniente en que se colguen na web. Reitero que se alguén non quere que a súa foto se suba á web só ten que comunicárnolo a través dun correo electrónico ou dun comentario no blog. En calquera momento, unha vez publicadas, pódense retirar se así o desexades seguindo a mesma metodoloxía.
A filosofía desta sección é informar de actividades formativas, cursos, congresos e citas interesantes para ampliar a formación dos xornalistas da nosa xeración. Cada vez máis, o esixente mercado da información pide profesionais multiusos que, co soldo dun só empregado, poida face-lo traballo de dous, tres, catro... dependendo do explotadora que sexa a empresa. Iso por un lado. Doutra banda, hai que ter en conta o competitivo que é este mundo e a variedade de saídas profesionais que ofrece. Non está de máis ser flexible e poder dar un brinco no momento axeitado dun medio a outro, da prensa á radio, da tele a unha revista ou de internet a un gabinete, na empresa pública ou na privada, diante da cámara ou detrás.
En moitas profesións, é obrigatorio estar colexiado para poder exercer. Por exemplo, o colectivo de hixienistas dentais están en pleno proceso de transición despois de que se publicase a lei de creación do Colexio Profesional de Hixienistas Dentais de Galicia, un dos últimos en nacer na nosa terra. Como dicía, no caso dos xornalistas non é preciso estar colexiado para traballar na nosa profesión, pero si ten algunhas vantaxes. Por exemplo, descontos e mesmo gratuidade nalgúns cursos de formación ou congresos, asesoramento xurídico ou amparo legal en conflitos laborais, ademais dun bonito carné que acredita que un é xornalista. Se estades interesados, é posible inscribirse directamente na web do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Ademais, ata o 15 de decembro fan un desconto de 30 euros.
¡Tódolos vosos comentarios son benvidos! ¿Quen abre o debate?
P.D.: Non queda esquecida esa promesa de publicar as imaxes de todos e cada un e cada unha dos alevíns e alevinas inmortalizados na orla. Estamos liquidando algúns problemiñas técnicos, pero todo se andará.
¡Benvidos, compañeiros e compañeiras! Esta páxina nace coa vocación de proporcionarlles ós xornalistas da promoción 2002-2006 da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC un lugar de encontro e intercambio de experiencias, propostas, ideas ou traballos. As posibilidades son tan amplas coma as mentes de quen se achegue por aquí. Os propósitos iniciais son os seguintes:
A base de funcionamento deste blog é a participación e colaboración de todos e todas. De vós depende que esta ferramenta teña un bo uso e sirva realmente para cumpri-los propósitos expostos e os que vaiades propoñendo.
Os comentarios ás entradas publicadas han ser dunha extensión razonable para facilita-lo seguemento de posibles debates. Para calquera proposta ou envío de material para publicar no blog, contactade con
xornalismo@gmail.com. A través desta dirección de correo electrónico e dos propios comentarios da páxina web iranse estructurando os contidos.Só me queda animarvos a dotar de contido este salón que, polo momento, só ten uns cantos sillóns ben confortables agardando por vós, cada un cun caderno aínda en branco cunha pluma apousada enriba. ¡Pasade, sentádevos e escribide!
Cris Souto
P.D.: De antemán, pido desculpas polas cousas que, de seguro, esquecín incluír nesta páxina, pero para iso estades vós, para propoñer, criticar e darlle sentido e contido a este lugar baleiro. Seguro que calquera erro ou omisión se irán solventando coas vosas observacións. ¡Benvidos!