2007-11-30

Curso de Dobraxe

A filosofía desta sección é informar de actividades formativas, cursos, congresos e citas interesantes para ampliar a formación dos xornalistas da nosa xeración. Cada vez máis, o esixente mercado da información pide profesionais multiusos que, co soldo dun só empregado, poida face-lo traballo de dous, tres, catro... dependendo do explotadora que sexa a empresa. Iso por un lado. Doutra banda, hai que ter en conta o competitivo que é este mundo e a variedade de saídas profesionais que ofrece. Non está de máis ser flexible e poder dar un brinco no momento axeitado dun medio a outro, da prensa á radio, da tele a unha revista ou de internet a un gabinete, na empresa pública ou na privada, diante da cámara ou detrás.

Por iso vos convido a que compartades as ofertas formativas das que vaiades tendo coñecemento, para que sexa máis fácil acceder á ampla oferta que existe nos diferentes ámbitos.
Hoxe mesmo, o Consorcio Audiovisual de Galicia vén de abri-lo prazo para inscribirse nun curso de dobraxe. Un pouco caro (220 €), pero cun interesante programa moi completo.

¡Volvamos ó Colexio!... de Xornalistas

En moitas profesións, é obrigatorio estar colexiado para poder exercer. Por exemplo, o colectivo de hixienistas dentais están en pleno proceso de transición despois de que se publicase a lei de creación do Colexio Profesional de Hixienistas Dentais de Galicia, un dos últimos en nacer na nosa terra. Como dicía, no caso dos xornalistas non é preciso estar colexiado para traballar na nosa profesión, pero si ten algunhas vantaxes. Por exemplo, descontos e mesmo gratuidade nalgúns cursos de formación ou congresos, asesoramento xurídico ou amparo legal en conflitos laborais, ademais dun bonito carné que acredita que un é xornalista. Se estades interesados, é posible inscribirse directamente na web do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Ademais, ata o 15 de decembro fan un desconto de 30 euros.

2007-11-29

¿Apetécevos unha noite de Cluedo?

Poñendo a primeira pedra deste magnánime proxecto, ¡lanzo a primeira actividade á que quedan convidados/as tódolos membros desta nosa comunidade! Coñécese que a que escribe neste caso é da Costa da Morte, polo que o escenario vai se-la localidade de Cee (desgraciadamente coñecida no último ano por ter ardido no 90% nos incendios de agosto do 2006 e quedar inundada un mes despois). En concreto, no Hotel Ínsua.

Trátase dunha actividade que organiza Meigalicia. Vén sendo unha cea de Nadal (celébrase o sábado 22 de decembro) amenizada cunha morte sorpresa e todo un espectáculo de animación para converternos en detectives por unha noite. Consultade o programa e, se vos animades, lembrade que hai desconto por grupos de máis de 10 persoas.
Se o preferides, a noite anterior fan unha cea cun espectáculo diferente. ¿A quen lle van os vampiros?

Proposta de Nadal


Ante todo, benqueridos/as compañeiros/as, hai que pedir desculpas por ter tan abandonado este lugar de encontro. O que non quere dicir, en ningún momento, que se esquecesen as promesas plasmadas nas liñas deste blog. ¡Todo o contrario! Co espírito navideño a piques de entrar en funcionamento, inauguramos nova sección: ¿Imos de troula?

Trátase de propoñer actividades de ocio nas que poidamos participar como grupo ou tamén a título persoal. Está permitido, por suposto, facer promoción da patria chica de cadaquén, para iso andamos espallados por Galicia adiante. E tamén, como non, polo estranxeiro. ¡Animádevos!