2007-12-08

Buscan xentiña para deportes da RG

Se sabedes de cabo a rabo as alineacións de tódolos equipos de fútbol galego e españois (e dos que se poidan enfrontar a nós alén do mundo), se amades a camiseta da nova selección galega, se coñecéde-lo nome de tódolos entrenadores que tiveron Celta e Dépor na súa historia e ademáis, por riba, sabedes algo doutros deportes... ¡a Radio Galega quérete! E se non, pois é posible que tamén.

O caso é que convocan unha praza de redactor con contrato en prácticas para a sección de deportes. Ademais, gracias á experiencia de ter ó noso querido compañeiro Toni López na plantilla (¡moi ben, chaval, ti si que lle pos ganas!), "as probas estarán adaptadas a grande minusvalía". Os requisitos obrigatorios son: "posuír licenciatura en Xornalismo, e que non transcorreran máis de catro anos desde a súa obtención, seis no caso de minusvalías".

Se estades interesados, debedes entregar unha solicitude e mailo currículo no Departamento de Recursos Humanos da CRTVG. Podedes facelo tamén a través do correo electrónico. O prazo de entrega remata o venres 14 de decembro ás 12:00 horas e a proba de selección será o martes 18 a partir das 10:00 horas en San Marcos.

2007-12-05

Oferta para o gabinete do SLG

O Sindicato Labrego Galego busca un xornalista para o seu gabinete de prensa en Santiago de Compostela. Os que esteades interesados tedes que envia-lo voso currículum vía e-mail antes do 15 de decembro. O traballo inclúe "tanto relacións cos medios de comunicación, como outros estrictamente xornalísticos (coordinación e execución do periódico sindical, mantemento da páxina web, etcétera)". Valorarase positivamente a "experiencia práctica en tarefas de deseño gráfico e coñecementos sobre a realidade agraria e rural de Galiza".

A proba de selección inclúe "exercicios de redacción, tradución do castelán ao galego, maquetación con QuarkxPress e retoque fotográfico con Photoshop; amais dunha entrevista persoal".

2007-12-03

Máis fotos dos pioneiros do blog

A 270 polas secundarias

Sinceramente, non sei cal é a pena de cárcere que lle correspondería a Cerillo se a Guci o volve a pillar a semellante velocidade, pero ¿son eu a única persoa que non dá imaxinado como se poden acadar 270 km/h ¡¡¡nunha pista secundaria!!!? Este mozo de Arteixo, por riba, colgou a súa fazaña en You Tube, o segundo grande oráculo da internet despois de Google, ou se cadra xa está por diante.

Pero ademais, os seus vídeos proxéctanse en pubs de Arteixo e A Laracha dende hai ano e medio e ninguén se escandaliza, todo o contrario. ¿Somos uns hipócritas por condenar en público estas actitudes cando o protagonista é loubado coma un heroe?

O protagonista recoñece que arrisca a súa vida, pero ¿será consciente de que arrisca máis vidas cá súa?

BNG e Maleni, ¿pacto co demo ou estratexia efectiva?

Todos lembramos as desafortunadas palabras da ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, respecto do Plan Galicia: "Ese plan de mier...". Os traballadores de Ferroatlántica e Serrabal (os que cobran de Villarmir), levan semanas manifestándose porque o trazado do AVE da ministra pasa xusto, xusto, xusto polo medio e medio da mellor veta de cuarzo da mina de Serrabal, unha das mellores de Europa; e pasa tamén por algunha que outra aldea de interese turístico. A ministra dos socavóns, tamén, pero xa cae por outras terras para o que nos ocupa, que é o apoio do BNG á querida Maleni, que boa fe ten moita. Para documentarnos ben, aquí van algúns enlaces ás novas publicadas ó respecto en La Voz de Galicia, Faro de Vigo, Xornal, El País e El Mundo, por exemplo.

Destacamos un fragmento de El País por claro e conciso co que o BNG di que sacará a cambio do seu apoio: "El acuerdo incluye una entrevista de Anxo Quintana con Zapatero antes del 15 de diciembre, el desbloqueo de las transferencias que Galicia demanda desde febrero (la más importante es Salvamento Marítimo), la firma antes del 15 de enero del pago de la segunda parte de la llamada deuda histórica asistencial (51 millones de euros), la cesión del número de teléfono asociado al transporte de personas con problemas de movilidad y el compromiso de que los socialistas gallegos apoyarán en el Parlamento de Santiago la redacción de una proposición de ley reclamando al Congreso la transferencia de las competencias en materia de Tráfico".

¿Trátase dun pacto co demo do que nada se sacará en limpo, máis ca críticas e perda de credibilidade para os nacionalistas en Galicia?

¿É síntoma de que os políticos galegos están gañando peso na política estatal?

¿¡Que está pasando!?

Primeiras imaxes dos protagonistas


¡Comezamos coa publicación das fotografías da orla escaneadas! Espero que ninguén teña inconveniente en que se colguen na web. Reitero que se alguén non quere que a súa foto se suba á web só ten que comunicárnolo a través dun correo electrónico ou dun comentario no blog. En calquera momento, unha vez publicadas, pódense retirar se así o desexades seguindo a mesma metodoloxía.

Van primeiro as dos comentaristas que ata agora nos honraron coa súa presencia neste espazo dixital!

2007-11-30

Curso de Dobraxe

A filosofía desta sección é informar de actividades formativas, cursos, congresos e citas interesantes para ampliar a formación dos xornalistas da nosa xeración. Cada vez máis, o esixente mercado da información pide profesionais multiusos que, co soldo dun só empregado, poida face-lo traballo de dous, tres, catro... dependendo do explotadora que sexa a empresa. Iso por un lado. Doutra banda, hai que ter en conta o competitivo que é este mundo e a variedade de saídas profesionais que ofrece. Non está de máis ser flexible e poder dar un brinco no momento axeitado dun medio a outro, da prensa á radio, da tele a unha revista ou de internet a un gabinete, na empresa pública ou na privada, diante da cámara ou detrás.

Por iso vos convido a que compartades as ofertas formativas das que vaiades tendo coñecemento, para que sexa máis fácil acceder á ampla oferta que existe nos diferentes ámbitos.
Hoxe mesmo, o Consorcio Audiovisual de Galicia vén de abri-lo prazo para inscribirse nun curso de dobraxe. Un pouco caro (220 €), pero cun interesante programa moi completo.

¡Volvamos ó Colexio!... de Xornalistas

En moitas profesións, é obrigatorio estar colexiado para poder exercer. Por exemplo, o colectivo de hixienistas dentais están en pleno proceso de transición despois de que se publicase a lei de creación do Colexio Profesional de Hixienistas Dentais de Galicia, un dos últimos en nacer na nosa terra. Como dicía, no caso dos xornalistas non é preciso estar colexiado para traballar na nosa profesión, pero si ten algunhas vantaxes. Por exemplo, descontos e mesmo gratuidade nalgúns cursos de formación ou congresos, asesoramento xurídico ou amparo legal en conflitos laborais, ademais dun bonito carné que acredita que un é xornalista. Se estades interesados, é posible inscribirse directamente na web do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Ademais, ata o 15 de decembro fan un desconto de 30 euros.

2007-11-29

¿Apetécevos unha noite de Cluedo?

Poñendo a primeira pedra deste magnánime proxecto, ¡lanzo a primeira actividade á que quedan convidados/as tódolos membros desta nosa comunidade! Coñécese que a que escribe neste caso é da Costa da Morte, polo que o escenario vai se-la localidade de Cee (desgraciadamente coñecida no último ano por ter ardido no 90% nos incendios de agosto do 2006 e quedar inundada un mes despois). En concreto, no Hotel Ínsua.

Trátase dunha actividade que organiza Meigalicia. Vén sendo unha cea de Nadal (celébrase o sábado 22 de decembro) amenizada cunha morte sorpresa e todo un espectáculo de animación para converternos en detectives por unha noite. Consultade o programa e, se vos animades, lembrade que hai desconto por grupos de máis de 10 persoas.
Se o preferides, a noite anterior fan unha cea cun espectáculo diferente. ¿A quen lle van os vampiros?

Proposta de Nadal


Ante todo, benqueridos/as compañeiros/as, hai que pedir desculpas por ter tan abandonado este lugar de encontro. O que non quere dicir, en ningún momento, que se esquecesen as promesas plasmadas nas liñas deste blog. ¡Todo o contrario! Co espírito navideño a piques de entrar en funcionamento, inauguramos nova sección: ¿Imos de troula?

Trátase de propoñer actividades de ocio nas que poidamos participar como grupo ou tamén a título persoal. Está permitido, por suposto, facer promoción da patria chica de cadaquén, para iso andamos espallados por Galicia adiante. E tamén, como non, polo estranxeiro. ¡Animádevos!

2007-10-01

Outra inauguración

O bo que teñen as cousas novas é que sempre hai algo que estrear, moita ilusión, ideas rebuldeiras... Así que, seguindo nesta tónica, a paso lento pero seguro, inauguramos unha nova sección que, espero, ha ter moitos seguidores. "Polemizando". De momento, propóñense dous temas de debate e opinión.


  • TEMA 1: Caso Maddelaine, ¿traxedia familiar ou show mediático? ¿Que opinades da actitude do matrimonio McCann durante todo o proceso (contaron desde o primeiro momento asesores de imaxe e comunicación e tardaron meses en contratar un detective para localiza-la súa filla) e do tratamento dos medios nacionais e internacionais do asunto?

  • TEMA 2: Myanmar (antiga Birmania) e o papel do G-8, ONU, OTAN e demais siglas do "Primeiro Mundo". En cinco días, morreron 16 persoas (dous estranxeiros) pola defensa pacífica da democracia nun país dominado por unha dictadura militar que ignora os resultados das eleccións que eles mesmos permiten realizar; e uns 4.000 monxes budistas han ser encarcerados e humillados pola mesma razón. ¿Por que non nos entrometemos neste caso?

¡Tódolos vosos comentarios son benvidos! ¿Quen abre o debate?

P.D.: Non queda esquecida esa promesa de publicar as imaxes de todos e cada un e cada unha dos alevíns e alevinas inmortalizados na orla. Estamos liquidando algúns problemiñas técnicos, pero todo se andará.

2007-09-24

"En paradero... conocido"


En cumprimento dun dos propósitos de Alevíns de Xornalismo, estreamos "etiqueta": "En paradero... conocido". ¡Revelade a vosa presencia, alevíns e alevinas! Algúns xa se animaron a contarnos da súa vida na primeira publicación da web (graciñas). En Galicia, Spain ou na Europa, alén do mar ou máis acó... ¡Ola, estamos aquí!

"Tu cara me suena... ¿nos hemos visto antes?"


¡Moi boas a todos de novo!

Comunícovos que ALEVÍN ten no seu poder as fotografías dixitalizadas de tódolos e tódalas alevíns e alevinas inmortalizados/as na orla. Se nada o impide, iranse publicando na web, de xeito que poidades ilas copiando para o voso arquivo persoal, se así o queredes. Nun futuro, a intención é de crear un espacio (fotolog ou similar) onde poidamos compartir en imaxes as nosas vivencias. Por certo, que se habilita tamén un cadro de enlaces ós blogs persoais de cada alevín ou alevina que así nolo faga saber na
dirección de correo habitual. Ademais, estreamos sección (para ser ordenadiños) dedicada ó paradeiro, vida e obra dos nosos compañeiros e compañeiras (cantas letras hai que escribir para ser políticamente correcto...).

2007-09-14

¡Benvidos tódolos alevíns de xornalistas!

¡Benvidos, compañeiros e compañeiras! Esta páxina nace coa vocación de proporcionarlles ós xornalistas da promoción 2002-2006 da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC un lugar de encontro e intercambio de experiencias, propostas, ideas ou traballos. As posibilidades son tan amplas coma as mentes de quen se achegue por aquí. Os propósitos iniciais son os seguintes:

  • Saber da situación dos compañeiros polo mundo adiante.
  • Informar colectivamente de cástings, entrevistas de traballo ou calquera saída profesional da que teñamos coñecemento.
  • Informar colectivamente de cursos, congresos ou calquera actividade formativa da que teñamos coñecemento.
  • Coordinar actividades en grupo, tales como ceas, excursións ou encontros por motivos profesionais ou persoais.
  • Servir de foro de debate de temas de interese tanto da actualidade informativa como do ámbito académico, profesional, deontolóxico ou o que poida xurdir.
  • Publicar aqueles artigos, reportaxes, columnas de opinión e demais traballos que, como tales, decidan presentar os compañeiros e compañeiras.

A base de funcionamento deste blog é a participación e colaboración de todos e todas. De vós depende que esta ferramenta teña un bo uso e sirva realmente para cumpri-los propósitos expostos e os que vaiades propoñendo.

Os comentarios ás entradas publicadas han ser dunha extensión razonable para facilita-lo seguemento de posibles debates. Para calquera proposta ou envío de material para publicar no blog, contactade con xornalismo@gmail.com. A través desta dirección de correo electrónico e dos propios comentarios da páxina web iranse estructurando os contidos.

Só me queda animarvos a dotar de contido este salón que, polo momento, só ten uns cantos sillóns ben confortables agardando por vós, cada un cun caderno aínda en branco cunha pluma apousada enriba. ¡Pasade, sentádevos e escribide!

Cris Souto

P.D.: De antemán, pido desculpas polas cousas que, de seguro, esquecín incluír nesta páxina, pero para iso estades vós, para propoñer, criticar e darlle sentido e contido a este lugar baleiro. Seguro que calquera erro ou omisión se irán solventando coas vosas observacións. ¡Benvidos!